xoves, 2 de abril de 2020

A empanada

Alá como foi que dous soldados, un galego e un andaluz, se fixeron cunha empanada, non se sabe; o caso é que se fixo de noite, despois de teren ceado.
Como ambolos dous estaban esfameados e a empanada era algo cativa, o andaluz, coa santa intención de a manducar el soio noutro dia, díxolle ao galego que o mellor era deixala pra pola mañán e como era algo pequerrecha apra dous que ian facer un trato: o que de entre os dous soñase coa cousa mais alta naquela noite almorzaria a empanadiña.
O galego notoulle a chuscada e como tivo medo de non saber mentir tanto coma el, aí polo amañecer ergueuse moi caladiñamente e con moito xeito foise á empanada e zampouna no bucho, e despois encubríuna co pano o canto onde estivera pra que se lle non coñecese a sua larpeiricie e foise deitar.
Cando se ergueron o andaluz perguntoulle polo seu soño, e o galego, moi encollidiño de xenio, díxolle que comezase el. E vai o andaluz e contou:
–Eu soñei que estando no chan dei un brinco no áere e púxenme nas nubes.
O galego ouvíulle a fazaña moi caladiño e dixo:
–Eu vinte chegar alá...
–Dende alí –proseguíu o andaluz– din outro pincho con mais arranque e fun mallar ca cabeza no medio a medio das portas do ceu, e a proba velaqui está na miña cachola. Olla o petouto que fixen –e estaba porque tiña un pote feito na vispora.
–Ben; xa que viches todo conta agora o teu sono a ver se tamen cho vin eu...
–Non, home, non; ti non me viches. Cando eu te vin rubir tan outo, tan outo, pensei que non tornabas mais; e como era un pecado perderse aquel ben de Deus Noso Señor, eu erguinme e comín a empanada toda e así aforreime o traballo de andar a soñar cousas imposibles.
Ninguén soubo que cara puxo o andaluz cando se atopou sen a empanada que tiña coma sua, e ben ganada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario