xoves, 2 de abril de 2020

O lobo, o raposo e o home

En tempos pasados, cando falaban os animais, xuntáronse o lobo e o raposo porque eran compadres.  Naquel intre pasou por alí un rapaciño e  o lobo dixo:

-Compadre, aquel é un home!

E o raposo contestoulle:

-Non! Xa o será

Seguiron andando e, máis adiante, pasou un vello. O lobo volveu preguntar:

-Aquel é un home?
-Non! Xa o foi –respostoulle o raposo.

Un pouco máis adiante atoparon un cazador e entón foi o raposo o que falou:

-Ese é un home!
-Eu quería ter unha pelexa con el –dixo o lobo.

Fóronse achegando ao cazador e este disparoulles un tiro e foille dar ao lobo nunha orella.

-Carallo, para o home! –dixo o lobo-Tiroume un aturuxo que, un pouco máis, e me aparva.

Pero aínda con esas o lobo quería loitar e o raposo levouno xunto a un ferreiro que estaba ocupado no seu traballo.   O raposo díxolle:

-O meu compadre está buscando con quen loitar
-Veña xa! –respondeu o ferreiro.

Botoulle as tenazas ao fuciño e o lobo botou a correr porque xa non quería loitar máis.

Máis tarde, díxolle ao raposo:

-Carallo, para o home!  Nin que tivese o arte do demo.  Agarroume con dous dedos e levoume a mitade do fuciño. Se me chega bota-la man levaríame a cabeza!

Ningún comentario:

Publicar un comentario