xoves, 2 de abril de 2020

Xan e a filla do rei

Unha vez era unha filla dun rei que prometerá casar co que lle propuxera unha adiviña que ela non soubera acertar. Pero tamén desafiara coa forca aos que lle propuxeran algo que ela adiviñase.

Xa se presentaran moitísimos pretendentes e a todos os aforcaba, porque sempre lles acertaba o que lle proponían.

Nunha aldea, cerca da corte, había un mozote que era o máis burro de toda a rodeada e tamén se lle meteu na chola ir pretender á princesa.  Os irmáns dél, para que non os fora avergonzar, pois xa o contaban por morto, trataron de convencelo de que non fora, pero ao que viron que non había maneira de tórnalo, e para que non pasasen pola vergoña de que seu irmán, o máis burro de canto se vía cos ollos, se atrevese a pretender á filla do rei, envelenáronlle un bolo de pan que levaba para a merenda.

O bo de Xan, que así se chamaba o mozo, colleu unha burra que tiña que lle chamaban Marta e púxose en camiño para o pazo do rei.  Cando xa levaba un bo anaco andando deulle o sono e quitoulle as alforxas á burra e deitouse a durmir.  Mentras durmía a burra comeulle o bolo e, como estaba envelenado, morreu no intre.

Cando Xan espertou xa era de noite e viu tres lobos coméndolle a burra. Meteuselle tal medo que subiu a un castiñeiro que había alí a carón e, dende a árbore, tiroulle un tiro ao lobo e, en vez de acertarlle ao lobo, matou unha lebre que andaba por alí pacendo. Á mañá, cando se baixou do castiñeiro xa estaban os lobos mortos.  Colleu a lebre que matara e marchou máis contento ca unhas pascuas.  Alí cerca había unha ermida, meteuse dentro e, coas follas do misal, guisou a lebre, que tiña dous lebratiños na barriga.  Como a carne de lebre e dos lebratos lle fixera moitísima sede foise á pía de auga bendita e botou un bo trago.  Mentres tanto, armouse unha tronada de tódolos diaños, e a enxotada arrastrou os despoxos da burra polo río abaixo.  De que parou de chover, púxose o meu Xan outra vez ao camiño e, ao pasar a ponte, viu que ía a burra polo río abaixo e sete corvos enriba dela corveando.
Cando chegou a xunto da filla do rei, propúxolle unha adiviña con tódalas cousas que lle pasaran polo camiño.  A adiviña era así:

-Pan matou a Marta
e ela matou tres despois de morta.
Tirei ao que vin
E matei ao que non vin.
Comín enxendrado e non nacido
Con falas do Espíritu Santo guisado.
Bebín unha cunca de auga serea
Que non estaba nin no ceo nin na terra
Pasei un duro sobre un brando
E vin sobre un morto sete vivos cantando

E como a filla do rei non foi capaz de acertarlle a adiviña tivo que casar con Xan.

Ningún comentario:

Publicar un comentario