xoves, 2 de abril de 2020

O preguiceiro

Coidou un rapazote de pasar a sua vida toda sen facer ren, e como ninguén naceu aprendido, axustouse cun lacazán de moita sona e que vivía a corpo de rei sen ninguén lle coñecer posíbles para iso, para que lle ensinase o mester.
Pechado o trato, mestre e aprendíz fóronse para unha chousa que habia cabo do eido e que tiña abondosos arbores de froita para tódolos tempos, e ó chegaren alí o mestre díxolle ó mozo:

–Ven acá, ho, túmbate aquí á sombra desta ameixeira que ten moitas ameixas maduriñas e así que caia algunha é solo apañala e comela.
Palabras non eran ditas cando se desprendeu unha ameixa e veulle caír mesmamente na boca, e vai o rapáz e diille ó outro:
–Mestre, veña aquí axiña moverme as queixadas para eu comer esta antes de me cair a outra.
O home arregalou uns ollos de a cuarta. Nunca tal vira! Ser nugalleiro era bo, mais aquilo xa pasaba moito das medidas, e sen mais requilorios púxose a andar sen siquera lle dicir adeus.


Ningún comentario:

Publicar un comentario