xoves, 2 de abril de 2020

O coello

Un probe, de caxado na man, subía por un monte adiante, camiño de outra parroquia, onde ia a pedir esmola e viu acamado antre unha toxeira un coello gordo e lucido; marcouno ben, e con o caxado erguido púxose a botar as contas:
– Mato este coello e vou vendelo á vila por unha boa pesetiña, con ela merco sardiñas pra vender e como o que vende sardiñas come galiñas, hei de ter nelas boa ganancia que tornarei a empregar e cando teña ganado bastante merco un xatiño: heino de ir criando e despois de criado véndoo e merco dous pequenos que hei de criar e cando foren grandes poños ó carro, e cando vaia por unha costa arriba con que garbo lle hei de berrar:
– ¡Ei boi, ei!
Con o berro o coello asombrouse e dun pulo desapareceu polo medio do mato, mentres probe co caxado no aire, caia da burra abaixo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario