mércores, 1 de abril de 2020

O home que sempre chegaba borracho

Era un matrimonio, ela chamabase María e el Brais.  Brais érache un home moi bo pero tiña unha tacha, que os sábados, cando cobraba, chegaba á casa e veña lío.  Levantaba á muller da cama, pegáballe, levantaba aos fillos, e… Porque bebía, viña borracho pingando.

Resulta cas viciñas xa todas dicían:

-Ai, xa está!  Hai festa na casa do Cachón

A muller de Brais o Cachón, a pobre, ó único que facía era dicir:

-Ai, meu Deus! Virxe santísima! Válganme as once mil virxes!

E o outro mentres lle zoscaba contestáballe:

-Anda, anda que che van valer!

Despóis, cando chegaba o outro día o home arrepentíase de todo o que fixera, pero xa non había remedio.

E as viciñas dicíanlle:

-María, e porque non ves o sábado?... Xa sabes o que pasa.  Por que non ves para a nosa casa?
-Ai! Porque se vou, levántache aos nenos e fai lío. Vai andar casa por casa a chamar, a ver onde estou.  Entón é mellor que me deiche estar na casa.

E dille unha:

-De acordo, mira, e se nos xuntaramos todas un sábado e nos meteramos  na cociña?. Ti, cando chames, en vez de chamar polas once mil virxes, como chamas sempre, chamas ás once virxes, nos entramos e dámoslle unha somanta.

-E dará resultado -dixo ela.

-Por inténtalo que non sexa

Colleron o sábado as amigas todas, as once e foron para a cociña e botaron cadansúa saba por enriba da cabeza. Cando el chegou e fixo o lío, ela en vez de dicir:  “Valanme as once mil virxes”, dixo :  “Ai, válanme as once virxes!”

Veñen todas e danlle unha malleira ao homiño co deixaron mazadiño de todo. Foise para a cama e Santo Remedio! Durmiu toda a noite dun tirón.  
Ao outro día dille a muller ás compañeiras:

-Ai, meu Deus! O malo vai ser cando esperte! Que sabe Deus! De borracho xa sabe como é, pero cando esperte e vexa a malleira que se lle dou….Como vai reacionar!

Namentres, el dormía, e xa deran as doce de mañá. Ela ía de cando en vez e abría un pouquiño a porta, botaba unha ollada para dentro, a ver se estaba durmindo. As amigas falabanlle dende alá:

-Inda?
-Inda está durmido.

Nunha destas que foi mirar, o home esperta e dille:

-Miña muller!
-Ah, agora xa a fixemos!
-Ven aquí que che quero da-las grazas
-E por que?
-Quéroche da-las grazas, miña muller, porque menos mal que onte á noite dóuseche por chamar ás once virxes, que se chamas como sempre ás once mil, non queda anaquiño de min

Ningún comentario:

Publicar un comentario