xoves, 2 de abril de 2020

Onde está Deus?

Un crego tiña un monaguillo que era moi listo e agudo. Preguntaballe cousas da doutrina e o rapaz sabíallas todas.  Como quer que o crego quería pillar ao cativo nun renuncio, facíalle as preguntas máis difíciles que se lle ocurrían, mais o rapaz resolvíaas sempre de forma intelixente.

Un día o crego preguntoulle directamente:

-Onde está Deus?
-Deus está en todo mundo lugar –díxolle o rapaz
-Daquela –proseguíu o crego-, se Deus está en todo mundo lugar tamén estará no medio do mar.
-Tamén, si, señor.
-É, claro, se está en todo mundo lugar tamén Deus ha de estar no curuto do monte e no bico dos carballos.
-Pois está tamén alí, si, señor.
-E daquela, se Deus está en todo mundo lugar tamén estará na cabeceira da rectoral.
-Tamén na cabeceira está, si, señor.
-E enriba das campás da torre da igrexa.
-Aló enriba tamén está, si señor.
-E na túa casa tamén estará Deus que está en todo mundo lugar
-Pois na miña casa, tamén está, claro
-E mesmo estará no forno do teu pai
-Ai, iso si que non, señor cura, no forno do meu pai Deus non está.

Ao crego ilumináronselle os ollos. Por fin preguntara algo no que o rapaz errara, e quixo recrearse niso:

-Pilleite, rapaz, que se Deus está en todo mundo lugar tamén está no forno do teu pai.
-Non me pillou tal, señor cura, que o meu pai non ten forno.

Ningún comentario:

Publicar un comentario