xoves, 2 de abril de 2020

A última cea

Era este un bispo que quería pintar un cadro para a igrexa catedral, alí segundo se entra a man dereita, que non había nada e viña moi ben, según el coidaba, unha escena da última cea de Xesús.

O bispo falou con varios pintores da vila e da cidade, mais os cartos que lle pedían por pintar a última cea eran tantos que o bispo xa temía que en vez de cea ía ter que pedir que lle pintaran unha merenda.

Mais o abade de San Martiño, sabedor de que o bispo andaba procurando un pintor, achegouse un día ata a catedral para contarlle que na súa parroquia había un artista que lle podería facer o cadro da última cea por moi poucas pesetas.

O bispo fixo caso da información e falou co tal pintor, que se facía chamar Miguel Anxo da Vinci Goya.  O que lle pediu polo traballo foi tan pouco que o bispo pensou que como quedase ben había de lle encargar un retrato seu para colgar na posteridade.

O Miguel Anxo da Vinci comezou o seu labor, mais algo que o abade de San Martiño non lle contara ao señor arcebispo fora que ademáis do oleo e o pincel, ao tal Vinci Goya, tamén lle gustaba o ribeiro, o mencía, o amandi, o albariño e o viño do país, que niso non facía distingos.

Así que comezou o labor con moi boa man, pero vasiño de alí, pincelada de aló, aquela cea converteuse máis nunha despedida de solteiros ca noutra cousa:  o san Pedro tocando a guitarra, o Cristo cunha gaita soprando no punteiro, o Xudas tocándolle as cunchas do chascarraschás, o Xoán, o Bernabé e outros agarrados polos ombreiros e a boca aberta, supoñemos que cantando unha foliada. 
Cando o arcebispo viu aquilo case lle dá un algo e comenzou a berrar co pintor, ao que este, sen inmutarse sequeral lle dixo:

-Ai, mire, a súa eminencia, cando eu os pintei quedaban ceando, o que lle fixeran logo non lle é cousa miña.


Ningún comentario:

Publicar un comentario