mércores, 1 de abril de 2020

Coidado

 Dunha vez era un raposo que rondaba famento arredor dunha aldea por ver se atopaba algo con que encher o bandullo. Unha mañá, namais saír fóra un galo, botoulle o dente o bo do raposo. Dispoñíase a fincarllo cando o galo lle dixo:

     -Mire, señor raposo, estoulle fraco e non lle vale a pena comerme agora. Logo vén o tempo das mallas e, como hai moito gran, cómese ben e engórdase, así que, se lle é igual, agarde ata aquela que hei estar máis gordiño.

   O raposo, como vira que era certo o que lle dicía o galo, deixouno, mais  preguntoulle primeiro:

     -¡Está ben! ¿E como te chaman? pois necesito saber o teu nome 
para preguntar por ti cando volva.

     -Pois chámome "Coidado"

     -Moi ben -dixo o raposo-. Pois despois das mallas aquí me tes.

     E saíu camiñando buscar outro sitio onde fartarse, bailando de contento o galo cando se viu libre do dente do raposo.

     Pasou o tempo e, ao chegar o día que conviñeran, volveu o raposo buscar o galo. Este, polo que puidese pasar, esperouno na cima dun castiñeiro.
     -¡Coidado! ¡Ei, Coidado! -berraba desatinadamente o raposo ao chegar ao sitio onde quedaran en verse.

     Xa cho teño -contestou de arriba o galo.

     -Baixa, que agora veu unha lei de que non facer mal os uns aos outro -repuxo o raposo con picardía xa, ao ver que o galo estaba tan malo de pillar.

     -Vou agora, mais tes que esperar un pouquechiño que aí vén un can e, se el pasa sen che facer nada, baixo eu tamén.

     -¿E vén lonxe?

     Éstá chegando.

-Daquela voume que "a lei do rei, tanto che vai como che vén".

     Nisto o can, que sa avistara ao raposo, pegou tras del con tanta lixeireza que que o raposo facía lume ao fincar as patas contra o chan. O galo, dende o seu polinco, berráballe:

     -¡Amósalle a orde! ¡Amósalle a orde!
-Non teño vagar -repuxo o raposo mentras corría-, que teño moita terra que taconear.

Ningún comentario:

Publicar un comentario