xoves, 2 de abril de 2020

Diñeiro chama diñeiro

Era unha vez un mozo que vía que toda a xente que ía a Madrid viña moi lucida e con algúns cartos na faldriqueira, e tamén se lle antollou marchar alá, pensando que en Madrid ataban os cans con longaínzas.

Pedíulle a un veciño cinco pesos prestados e marchouse sen despedirse de ninguén como fan todos.  Foi pedindo polos pobos, de maneira que cando chegou alá, despois de manterse, levaba sete pesos no bolso.  Pero saíulle a Pascua a venres porque gastou case todos os cartiños e non atopaba traballo.

Un día, cando só lle quedaba un peso e andaba o home levado do diaño, acertou a pasar por diante dunha casa desas que teñen montóns de diñeiro nuns armarios que dan para a rúa, como reixóns de ferro por diante para que ninguén poida coller os cartos.  Quedou pasmado ao ver tanto carto xunto, achegouse alí un pouco e estivo cavilando as leiras e os prados que se podería mercar se todo fora del. Nesto lembrouse do que a xente dicía:

-Diñeiro chama diñeiro

Entón sacou o peso que lle quedaba, meteu a man por entre os barrotes dándolle á man para diante e para atrás ao mesmo tempo que dicía:
-Diñeiro, chama diñeiro…Diñeiro chama diñeiro…

Nunha destas voltas tropezoulle o peso nunha reixa e marchou a rolos deica o montón máis grande de moedas que alí había.
O pobre do mozo quedou como se lle deran unas labazadas e dixo pensando:
-É certo que diñeiro chama diñeiro, pero…É o moito ao pouco!

Ningún comentario:

Publicar un comentario