xoves, 2 de abril de 2020

Quen te non conecer que te compre!

O caso contan que pasou alá polas bandas de Santiago ou doutra terra calquera onde hai moitos estudantes.
Un langrán foi á feira mercar un burrico para o axudar na laboura das suas terras e como atopou un que lle pareceu de xeito, fixo o trato co dono e mercoullo.
Entre o remate do trato, o xantar e o calor que facía chimpouse unha media ducia de cuncas do tinto ribeirán e cando se veu para súa casa co burriño de arreata viña medio tente-non-caias. Uns estudantes que asistiron ó trato e viron como ía o comprador resolveron entre si facerlle unha brincadela e adiantándose no camiño que levaba, agacháronse por detrás dun silveiral e despois que pasou por onde eles estaban, saíu un mainiñamente, e, sen ser presentido, tiroulle o cabresto ó burro e púxose el no seu canto, indo atrás do langrán. Os compañeiros arrecadaron o burro, metérono nunha toxeira e esperaron polo resultado.
Na revolta dun camiño ollou o home para atrás e atopouse co mozo atado pola corda no lugar do burrico. Arregalou os ollos, reparou para tódolos lados e non se tiña en si de abraiado. Non podía atinar como o seu burriquiño se fixera xente; nisto o estudante moi lerchán salaiouse:
–Ai, señor, non se admire, eu sonlle home e xa era tamén cando por encantamento me mudaron en burro, mais ó pasar polas almiñas que deixamos na encrucillada desfíxose o meigallo que me botaron e deixei de ser burro... Non me maltrate que eu non teño culpas, quen as ten é o ladrón do bruxo que me vendeu sabendo o que tiña... Vostede se o achar en calquera parte déalle catro paus que non lle pasa nada porque xa é moi coñecido polas suas falcatruadas, mais a min déixeme porque ben ve que eu son xente e xente non se pode mercar...
E méntre-lo outro non caia en si de abraiado soltouse do cabresto e púxose ó fresco cara os compañeiros.
Os estudantes vendéronlle o burro ó primeiro chafulleiro que lle cadrou no camiño, e de man en man o bo do burrico foi dar nunha feira en que tamén estaba o langrán que fora roubado. Este, ó velo achegouse a el, apalpouno, ollono por tódolos lados e cheo de convencemento díxolle:
–Quen non te conocer que te compre, que a min xa me non enganas outra ves!...

Ningún comentario:

Publicar un comentario