mércores, 1 de abril de 2020

Señor cura, comeuno o gato

O señor cura dunha parroquia de lonxe vía con desgusto como a cada día os seus fregueses deixaban de ir á misa e non sabía que cousa facer nin como predicar para que volvesen cumprir como bos cristiáns. Cada vez era máis grande a súa inquietude e non deixaba de cismar día tras día e hora tras hora, sen dar co remedio, ata que, ao cabo, debeu dar don alguna maraña pois, chegado o domingo, anunciou dende o púlpito, que para o domingo seguinte ía haber un milagre pois el tivera un aviso do ceo facéndolle saber que ia baixar á terra o Espírito Santo para saber que vecinos ían á misa e cales non, para o tomar en conta na hora da súa morte.
A tal oír, o parvo do sancristán que nada sabía, quedou medio pampo e púxose a cavilar. Ao marcharen os fregueses e atoparse só na sancristía co señor cura, quixo saber e preguntoulle:
       -E logo, señor cura! Vostede como vai facer para que baixe o Espirito Santo?
O señor cura, a rir, díxolle:
      -Non teñas coidado, home, xa o verás na súa hora! No entanto ben será que vaias á feira e, sen que te vexan os nosos vecinos, merques unha pomba ben branca, ben branca e traesma agachada.
       Chegado o día do miragre, a igrexa estaba chea. Axuntárase tanta familia que non collía un alma mais. rematada a misa o señor cura dixo o seu sermón como era costume e falou de como por desleixados os seus fregueses ían todos camiño de se condenar.  Engadiu logo que, ao ir tanto á  misa como fixera, había de velos o Espírito Santo cando chegase e daquela el había de pedirlle o seu perdón porque os seus fregueses, inda que eran un pouquechiño deixados, non eran malos cristiáns, por iso. E rematou pedíndolle a Deus Noso Señor que mandase baixar ao Espírito Santo.
Ao deixar de falar o señor cura oíronse moitos ruídos polo faiado da igrexa.  Os fregueses, ao tal ver, estarreceron.  Pero o Espírito Santo non baixou como todos agardaban,  O señor cura, teimoso, seguíu pedindolle unha e outra vez ao Espíritu Santo que baixase e, cando máis que falar xa berraba apareceu no alto o sancristán que lle dixo con grande desconsolo:

       -Ai, señor cura! E como vai baixar se o Espíritu Santo comeuno o gato

Ningún comentario:

Publicar un comentario