xoves, 2 de abril de 2020

A petaca do señor cura

O sancristán namorouse dunha petaca moi bonita que tiña  o señor cura.  Un día e outro tamén, cantas veces o crego sacaba do peto a petaca para facer un pitillo, o sancristán repetía a mesma salmodia:

-Que bonitiña é, señor cura!  E non ma podía dar, ho? Non sabe canto lla ía agradecer!  E a vostede non lle custa tanto facerse con outra igual!

E así un día e outro día, a tódalas horas que o crego sacaba a petaca e o sancristán estaba diante.  Tanto e tanto, que o crego cansou e, por non seguir aguantándoo, rematou regalándolle a petaca.

Axiña chegou o preceuto. Na confesión, unha moza pediulle consello ao cura:

-Señor cura, estou metida nun lío moi grande. O mozo non deixa un só día de pedirme que llo deixe facer, que non é tanto pecado como di vostede.  Eu non quero, pero el non me deixa en paz e xa non sei que facer.

-Dime, nena; o mozo non será, por un si acaso, o sancristán?

-Pois si señor…

-Pois date por fodida, miña filla.

Ningún comentario:

Publicar un comentario