mércores, 1 de abril de 2020

O cego e o sacristán

 Por aquel entón na feira de Pontevedra había uns cegos que co seu violín e coa axuda dun cabalete como de pintura onde colgaban imaxes contaban historias.  Un rapaz que os acompañaba íalles pasando as páxinas e eles namentres contaban e contaban unha chea de historias.

Había unha vez un cego que andaba polas feiras, o pobre, e así gañandose un pesiño, que daquela un peso eran moitos cartos. Levaba a bolsa do diñeiro consigo entre a roupaxe, mais pensou que aquilo era perigoso que calqueira día lle poderían roubar. Así que decidiu agochar a bolsa cos cinco pesos nun burato dun muro que tapou  cunha pedra.  Enfronte daquel muro había un escribán que o pobre tiña moi pouquiño traballo, andaba a dúas velas; e como pouco tiña que facer púxose na ventá e mira como o cego mete aquilo no muro.  Cando o cego marchou, foi pola noite ao muro e rebuscando pola parede atopa o burato e os cinco pesos.

-Caramba para o cego! Ten cinco pesos!

Colleu o escribán e rouboullos deixando no burato a bolsa.  Ao día seguinte o cego volveu a onde agochara os cartos, e conforme mete a man e non atopa os cartos, di:

-Iso non foi ninguén máis co escribán que está enfronte, seguramente que me mirou e veunos coller.

O cego foise para a porta do escribán e como se non soubese nada do que pasara, púxoselle a tocar o violín.

Teño cinco pesos nunha buratela
E teño outros cinco para meter nela,
E teño outros cinco para meter nela.

Entón o escribán pensou que se ía meter os outros cinco pesos e non atopaba os que agochara, xa non os metería.  Así que á noite, achegouse ao muro e volveu meter os cartos onde os agochara o cego.

O outro día, ben cediño pola mañá, o cego foi diante da porta do escribán e cantoulle:

Señor escribán
vostede ben o entende,
o que todo quere,
todo perde.


Ningún comentario:

Publicar un comentario