xoves, 2 de abril de 2020

Roque... Roque... Roque...

Nunha aldea ribeirán, abondosa pola sua produzón e polo axeitado dos seus fillos para gana-la vida, habia unha cofradia que tiña ó seu cárrego e como sola razón de ser festexar dignamente ao divino san Roque, patrón da terra.
No dia da festa do adourado santiño non eran coreños nos gastos, e procuraban darlle á funzón o meirande brilo. Tiñan por costume tódolos anos mandar vir un pregador de sona para loubar mais e o millor que poidese ao seu glorioso patrón, pregador que decote era moi ben agasallado e inda mellor pago. Nun ano veulle un frade moi paroleiro, de voz cariñosa e convencedeira, e que a todos lle agradou moito sendo por iso tratado a corpo de rei polos devotos, mais na hora de lle pagar, o bulso da cofraria deulle un peso somente.  Pareceulle a doazón cativa ó pregador diante do agarimo dos penitentes que el vira e sentira e así llo dixo ó pagador, e este expricoulle o caso.
–É costume da nosa irmandade darlle ó pregador un peso por cada vez que mente o nome do noso san Roquiño querido e como Vosa Paternidade soio llo mentou unha, dámoslle o que de xusticia lle toca.
O frade engulíu en seco mais como ese era o uso e costume da terra tivo que se conformar coa mesquiñeza que lle deron.
Veu outro ano, outro frade e doutro convento para pregar, porque non adoitaban repetir o mesmo, mais o bulrado puxo ao novo ó corrente do costume da cofraria, e aquilo e que foi un nunca acabar de san Roque para un lado, san Roque para o outro, san Roque milagreiro, san Roque confesor, san Roque abogado contra a peste, san Roque co seu canciño, o canciño con san Roque e pra rematar, a ladaiña:

–Meus irmáns amados, o divino san Roque é tan querido que ata as rás no seu charco repeten roque, roque, roque...

–Chega, chega, reverendo, que xa se me acabou o esteo e non teño mais onde pór os riscos nin cartos que abonden para lle pagar –berrou un dos cofrades que era o encarregado de levar as contas dos roques
Dende aquel ano, polo si ou polo non, antes da festa axustan co pregador o que se lle ha de levar, non sexa o demo que se combinen outra vez e os deixe sen cartos ou sen honra por non faltaren ós costumes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario