mércores, 1 de abril de 2020

As saídas do parvo de Oitavén

Houbo na parroquia de Oitavén un parvo que se tiña moito de tolo mais inda tiña mais de prosmeiro.  As súas manías fixéronse proverbiás: enterro que houbese nas parroquias dos arredores, como naquel tempo había fartas comedelas, alá ía o bo do parvo prás aproveitar e cando sentía toca-las campas a defunto en duas parroquias da veciñanza no mesmo día salaiábase tristeiro:

-Paciencia, non cadran todos a xeito!

Entre os cregos tiña moito partido e sempre andaba atrás deles.  Un día andaban uns poucos a cazar e el apareceu, puxérono nun camiño para lle berrar aos coellos por se fuxían por alí e ao pouco un dos cregos chialle:

-Torna, Xan, que velo aí vai!

Mais o coello pasou coma alma que leva o demo, e o crego que estaba mais perto del alpurnouno:

-Non sei que demos fas aí que o deixache fuxir!

-Sí, home, sí; eles xa son bravos e vos inda lle botade-los cans!

Xantar de cregos que houbese no preceito, ou nos días de festa era cousa que non perdía.

Un día, na festa do santo patrón dunha parroquia dos arredores, estando na reitoria moitos cregos xuntos, quixérono meter nun apuro e un deles preguntoulle:

-Xan, ti agora tes que nos dicir cal de nós todos é o millor. Vai, quén é?

O parvo que non se quería por a mal con ningún respondeu:

-Boh, boh, señor abade, en gando ruín non lle hai onde escoller.

E amoado foise sentar nun canto

Ningún comentario:

Publicar un comentario