mércores, 1 de abril de 2020

As mil mañas

Encontráronse unha vez un raposo e mais un gato. O raposo presumía de saber moitas mañas para poder librarse dos inimigos e segundo ían andando, íalle dicindocomo facía en cada caso para escapar ben sempre.
—¿Cantas mañas sabes ti? —preguntou o raposo.
—Eu non sei máis ca unha, que é subir pola primeira árbore que teña a man — contestou o gato.
—¡Ben poucas son...! Xa se ve que non me gañas a listo pois eu seiche mil e mais un saco cheo —dixo o raposo.
Ían falando así cando pasaron por diante dunha horta amurallada, e dentro oíron cantar pitas. Propuxo o raposo entrar na horta e ofreceulle ao gato un cacho de galiña se entraba con el. Aceptou o gato, que puido entrar decontado na horta subindo por un castiñeiro e baixando por unha pereira que había ao lado da muralla.
O raposo andou mirando e por fin encontrou un ribazo onde a parede era máisbaixa por fóra. Ao que estivo dentro, entrou moi amodiño no galiñeiro e matou axiñaunha pita. Mais, cando quixo matar a segunda, empezaron todas a cantar e saíron dous
cans que había na casa e, detrás deles, o amo cun fungueiro na man.
O gato, que tal viu, subiu pola primeira árbore que encontrou xunto da muralla e saltou para fóra, mais o raposo andou corre dun lado, corre do outro, brinca de aquí, brinca de alí, intentando saltar a muralla ata que, dunha vez, enganchárono os cans e entre eles e mais o home matárono. Despois, tirárono no curral e deixárono alí cos dentes regañados.
O gato, que subira a un carballo, estivo mirando todo o que pasara, e así que viu que marcharan todos, baixou do carballo e, achegándose ao raposo, díxolle:

—Ei, mil mañas,
¿ti ris ou regañas?
Ti coas mil e mailo saco
e gañou cunha o gato!

Ningún comentario:

Publicar un comentario