xoves, 2 de abril de 2020

Os tres herdeiros

Un pai que tiña tres fillos chamounos á hora da morte e díxolles:

-O capital que vos deixo é ben pequeño pero se o sabedes explotar, podédesvos poner ricos os tres.

E deixoulles, principiando polo máis vello, un galo, unha fouce e unha gadaña. Unha cousa a cada un.
O dono do galo marchouse polo mundo adiante buscando unha terra en que non houbera galo.  Andou, andou e en toda parte había galos, pero el non se desanimou e, por fin, chegou a un país en que non había galos nin ninguén oíra falar deles.  Ao ver aquela caste de becho a xente preguntáballe para que servía.

-Pois serve –respondeu el- para saber que hora é.  Ese bicho chámase un galo e canta á media noite e un pouco antes de vir o día.

Como naquel lugar non había reloxos, xuntouse o concello e tomouse o acordo de mercalo, se era certo o que aquel home dicía. Experimentárono e, como vían que era verdade, preguntáronlle canto quería por el.

Déronllo e marchou rico para a súa terra.

Entón dixo o outro irmán, o da fouce, que ía saír polo mundo adiante para vender a súa ferramenta.  Andou moitas terras e, por fin, chegou a unha onde arrincaban o trigo coas mans.

Axustóu a sega dunha leira e, claro, en comparanza cos outros segaba así como trinta ou corenta veces máis. Preguntáronlle como se chamaba aquela ferramenta e se a quería vender.

-Chámase fouce e hai que me dar dous sacos sen diñeiro por ela.
Déronllos e mercou un burro, cargóu os sacos, e marchou para a súa aldea inda máis rico co irmán.

Despois saíu polo mundo adiante o outro irmán, para ver se tamén vendía a gadaña, e foi andando, andando ata que chegou a unha terra na que arrincaban a herba coas mans.  Axustou a sega dun prado, segouno a escape e vendeu a gadaña por tres sacos de diñeiro.

Deste xeito, puxéronse ricos os tres irmáns vendendo cousas que parecía que non valían nada na súa terra. É que todalas cousas valen máis cartos onde escasean.

Ningún comentario:

Publicar un comentario