xoves, 2 de abril de 2020

Pedro Cortizoilo

Unha vez era un rei que tiña tres fillas.  Xuntounas un día e proguntoulles cal delas lle quería máis.
Unha díxolle:

-Quérolle pola vida!

Outra díxolle:

-Quérolle polo corazón!

E a outra díxolle:

-Quérolle tanto coma ao sabor dos sabores!

O rei quedou satisfeito do que lle dixeran as dúas primeiras fillas, pero pareceulle que a terceira non lle manifestara moito cariño.  Mandoulle daquela facer un vestido de cortiza e botouna polo mundo adiante.
Pero ela arranxouse para levar os mellores vestidos que tiña e marchou andando ata que chegou á casa doutro rei onde pediu traballo e dixo que se chamaba Pedro Cortizoilo.  Déronlle de traballo ter que gardar pavos.  Cando ía cos pavos poñía os mellores vestidos que levara e dicía falando cos pavos:

-Pavín, pavín.
Se me vise o fillo do rei,
Namoraríase de min?
Si, si

O fillo do rei viuna con aqueles vestidos e namorouse dela, e díxolle ao pai que a quería por muller.
Convidaron á voda ao pai dela, porque tamén era rei e ela, cando soubo que lle ía o pai á voda, dixo que tiña que facerlle a comida par el só, á parte.  Fíxolla e non lle botou sal.  De modo que, cando se puxeron a comer preguntoulle a filla ao pai, que xa non a coñecía:

-Como atopa a comida?

-Non está mal feita pero fáltalle o sal, e o sal é o sabor dos sabores.

-E logo vostede, meu pai, non se lembra de que me botou fóra da casa porque lle dixen que lle quería polo sabor dos sabores.
Entón o pai recoñeceu a filla e pediulle perdón.

Ningún comentario:

Publicar un comentario