xoves, 2 de abril de 2020

Un Home Valente

O Ramiro era un home verdadeiramente destemido.  Ninguén que escoitara falar del puña en dúbida a súa valentía.  Como decía a xente non lle tiña medo nin a morto nin a vivo deste mundo.

Unha noite que volvía tarde, como sempre, de taberna, descubriu que alguén se movía diante del, ó seu modo de pensar, dun xeito provocativo.

-Ti quen es? – preguntoulle moi arroutado o Ramiro.

Pero o fulano nin ocntestou nin deixou de moverse, de todo indiferente ó mal humor de Ramiro.

-Non cho volvo preguntar –falou o Ramiro con máis desacougo que mal xenio-.  Quen es e que queres de min?

E sen agardar resposta, diante da insolencia do descoñecido, sacou o revólver do peto do pantalón e descargou contra el o cargador enteiro.

Ó día seguinte, uns mozos que atoparon parado no camiño ó Ramiro, que non lles quixo dicir nada do que lle estaba a acontecer, puideron comprobar que o valente e destemido veciño desfixera a noite anterior a tiros unha xesta que se movía co vento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario