mércores, 1 de abril de 2020

Amigos si pero ...

Criáranse xuntos, xuntos foran á escola e xuntos traballaron mercando e vendendo chatarra.
Andiveran tódolos arredores e coñecían moita xente.  Compartían os moitos esforzos e os escasos beneficios que aquel traballo lles daba.  Por iso chegou o día en que un, decidiu probar sorte e emi-grar. Non lle gustaba moito a idea, pero quería probar en América.

Pasaron os anos e un día, como tantos outros, volveu pobre como as arañas e con moi pouca saúde. Preguntou polo seu amigo e dixéronlle que deixara o negocio -ruinoso da chatarra, que agora vivía ben e traballaba na vila vendendo castañas asadas na temporada e que, só con iso, tiña para pasar folgadamente o resto do ano nunha casiña que fixera chegando á estación do tren. Dixéronlle tamén que, si quería velo, estaría diante da oficina bancaria que había na Praza Maior, que alí estaba o posto, co seu asador de castañas que semellaba unha máquina do tren e vendéndoas por cartuchos.

Achegouse alí. Mirouno de lonxe e seguía coma sempre, anque agora co seu chafarís e dándolle voltas ás castañas que asaba. 
Tiña moita xente agardando para lle mercar e o certo é que soltaban un arrecendo impresionante por toda a praza. Cando se viron déronse unha forte apreta e falaron, e riron, e comeron castañas e lembraron cousas e xuntos venderon castañas para ter tempo para eles e seguir falando. Ó final xa cando levaban un bo anaco de palique, un dixo:

- Pois xa ves, non me foi moi ben en América estes anos e mesmo veño algo enfermo e contando de me recuperar e seguir traballando mentres o corpo aguante.

- Ai home. Pois eu aquí che estou, endiante do Banco e adicado plenamente ó negocio das castañas. Xa ves que ben me vai. Hai días que non dou feito. Vivo folgadamente e sen luxos, pero este negocio, por desgracia, non dá para os dous e por riba eu teño unha boa familia. De tódo-los xeitos se te ves necesitado...

- Xustamente a iso viña, a ver se me prestabas algo.
- Pois síntocho ben, home. Pero temos un trato feito que non podo romper coa oficina bancaria de aí de diante: "nin eu podo prestar cartos, nin eles poden asar castañas".

Ningún comentario:

Publicar un comentario