mércores, 1 de abril de 2020

O pobre dalle unha lección ao rico

Contabame meu pai que había un home en Noia moi rico.  Un domingo de feira doulle por levar á feira un par de bois que eran a admiración da xente. Polo camiño atopou a un pobre  moi coñecido del e díxolle:

-E que fas aí, Manuel?
-Pois xa ves –dixo Manuel- esperando a que alguén me dea algo para ir vivindo.

E mirando para os bois dixo:

-O que daría eu por ter un par de bois coma eses!

Mentres falaban, os bois cagaron cadansúa bosteira, e entón di Xosé o dono dos bois:

-Pois se lle come-la bosta, son teus os bois
-Palabra de home, Xosé –dixo Manuel
-Palabra de home, Manuel.

Agachouse o pobre Manuel e puxose a comer na bosta. Tan pronto veu Xosé que comía en menos de nada, empezou a darlle voltas á boina e a sudar.

-Que tes, que che pasa?
-Nada, nada –contesta Xosé

Pero Manuel, coñecedor do mundo, díxolle:

-Non hai nada perdido.  Comes ti a outra bosteira e os bois volven ser teus.
-Palabra de home, Manuel? –dixo Xosé.
-Palabra de home, Xosé! –dixo Manuel

Agachouse Xosé e púxose a comer na bosta
Entón di Manuel:

-Hai que ver canta merda comemos para non gañar nada

Ningún comentario:

Publicar un comentario