mércores, 1 de abril de 2020

As tres verdades

 Para pasa-los ríos, en tempos non había pontes como hai agora.  Había uns poios, e cando o río ía baixo, saltábase de pedriña en pedriña para pasar dunha banda a outra.  

      Tamén había uns barqueiros que te pasaban cunhas barquiñas de remos; estes homes tiñan a casa á beira do río e cando o río ía moi cheo tiraban dun cable ao que o barco ía enganchado. Estes homes cobraban polo seu traballo.

       Unha vez chegou un home que quería pasar pero non levaba cartos. Entón dixo:

-Mira, barqueiro, pásasme ao outro lado do río?
-Sí, pásote!, pero hai que pagar.
-Non.  É que non teño cartos
-E que se non tes cartos eu non te paso.
-Se me pasas cóntoche as tres verdades máis grandes do mundo.
-Vale.
Entra na barca o pasaxeiro e dille ao barqueiro:
-A ver, e a primeira verdade?
-Nunca choveu para non escampar
Quedou pensando o barqueiro.
-Mais tes razón, é una boa verdade.

Seguiron remando e niso que chegan á metade do río.
-Veña, outra verdade máis?
-Nunca escampou para non chover
-Tamén é verdade

Seguiu remando e ao chegar ao outro lado dille o barqueiro:
-E a última verdade?
-A última é que se a todos os  pasas como a min, home máis burro nunca cho vin.

Ningún comentario:

Publicar un comentario