xoves, 2 de abril de 2020

Cento por un

Nun lugar apartado dunha freguesia da montaña, arredado do centro por soutos e fragas cortados por unha corredoira cativa e mal coidada, vivía un home que os veciños tiñan por algo toleirón, inda que non botase ren a perder. No día da festa do santo patrón que era tido por moi miragreiro e para o que as xentes de toda a bisbarra tiñan grande devozón, devozón que se traducía en doacións que engordaban as riquezas do abade tódolos anos. Foi o home á misa e cadrou a chegar cando pregaba o crego da freguesía, que era moi xeitoso para esas cousas. Con xestos e acenos espectaculares e con verbas agarimosas comezou a dramatizar a vida do divino santo e as suas cualidades protectoras para aqueles que lle eran devotos e fieles; gaboulles a xenerosidade para con tan outo protector na certeza que o santo lle pagaría a todos con ganancia, e de cando en cando, facéndose todo mel, con voz agarimosa e convencedeira estrebillaba:
– Ofrecedevos ó santiño de todo o corazón, que el, que é agradecido havos de pagar o que lle deades con cento por un!
Volvia a machicar: 
–“Quen dá o seu a quen o entende, non o dá que ben o vende” 
E á volta de moitos arrodeos, levando sempre a brasa para a sua sardiña repetía:
– O santo devolveravos cento por un!

Os presentes caían que era unha bendizón de Deus: lacóns; galiñas, polos e ovos; cabritos e carneiros, que non habia mans a medir.

O tolo que estaba nun curruncho a ouvir a pregazón púxose a matinar o que ouvía e a pensar en ofrendarlle ó santo un carneiro moi bo e moi ben coidado que tiña.  E se o santiño lle dese, como decia o señor abade, cento por un, entón polas suas contas ficariaben remediado.

Meu dito, meu feito. Foise ó eido e trouxo o carneiro ,que como o trataba moi ben andaba atrás del coma un can. Deullelo ós encarregados de recebe-las doacións e tornou para sua casiña  cos ollos arrasados de bágoas, pois o que era quererlle ó seu carneiriño, queríalle.
Ó segundo dia era véspera da feira da vila e pouco antes do anoitecer, cando estaba pensando no seu rico carneiriño, viuno entrar pola eira adentro con outros cinco mais, todos brancos, gordos e lucidos que daba xenio velos. Fincouse o home de xionllos no chan cara ó sol que se puña e agradeceulle ó santiño adourado o miragre que comezaba a facer mandándolle cinco carneiros por conta dos cen.
Ó outro dia, como non era lacazán, antes de nace-lo sol, foise camiño da feira e vendeu os cinco carneiros da ganancia. Tornou para a casa e foille levar ó señor abade o carneiro que lle dera ó santo, porque iso de comprido el érao tanto como o mellor.
Preguntoulle ao crego polos outros que lle faltaban e el, moi simplorio, respondeu:
Vendinos, señor abade.
- ¿Como? Entón ti vendeches o que non era teu, señor senvergonza? Pobre de ti, cara che vai custar a festa...
¿Non eran meus por que, señor? Vostede, inda hai tres días,
á vista de moitos centos de persoas que o estaban a ouvir, non dixo que se lle dese limosna ó santo que el nos daría cento por un? Pois velahí está. Eu dinlle un carneiro, que é este que lle traigo aquí, e el xa me mandou cinco, mais .
Inda me debe noventa e cinco que mos ha de ir mandando ós poucos, e senón veremos!
O crego viu a cuqueza do toleirón e pra non facer escándalo doulle un par de labaadas e fíxoo levar o carneiro que lle trouxera, porque se non eran capaces de ir mesmo os cento por un.

Ningún comentario:

Publicar un comentario