mércores, 1 de abril de 2020

A raposa e o caranguexo

As raposas cando tiñan pulgas baixaban á praia, collían un papel, poñíano na boca e ían entrando na auga.  As pulgas íanlle subindo para arriba mentres ela se metía aos poucos na auga.  Chegaban ao papel e xuntábanse todas alí. Entón él, fechaba o papel, afogábaas e así quedaba sen elas.

E un día, facendo esta operación, un caranguexo picoulle nos melindríns.

Entón saiu para fóra e di ela:

-Mecachis  na mar! Quen sería o que me trabou?
-Sal para fóra, picador dos collóns, que aquí medimos forzas.

Nesto o caranguexo sóltase das súas partes e sae para fóra.
Cando o ve, di a raposa:

-E ti foches o que me picaches?
-Si, fun eu.
-Un patarrastro coma ti, e venme facer dano a mín!
-Pois sí, fun eu o que che mordín.  Pero aquí onde me miras eu corro mais ca ti.

A raposa bótase rir e dille ao caranguexo:

-Ti proba e xa verás, poñémonos os dous a correr e vamos ver quen gana.

Prepararonse os dous para empezar a carreira e cando a raposa se botou a correr o caranguexo púxose detrás e enganchouselle ao rabo.  O raposo ía corre que te corre e cando levaba unha camiñada moi grande, vírase mirando contra a saída e chía:

-Patarrastro, eu xa estou aquí!

O outro sóltaselle do rabo, que que estaba para o outro lado e dille:

-E eu diante de ti
-Pois imos outra vez!
-Pois veña!

E de novo a raposa volveu correr e o caranguexo a agarrarse á súa cola. A raposa corre que te vai, corre, corre… ía a pobre coa lingua fóra:
-Non creo que desta vez me gañase

Vírase ao tempo co caranguexo se solta e di:

-Patarrastro eu xa estou aquí

E o caranguexo contesta:

-E eu diante de ti

Por fin  a raposa deuse por vencida  e como premio o caranguexo pídelle co leve de volta no seu lombo á praia. Xa vedes como ás veces vale máis inxenio que forza

Ningún comentario:

Publicar un comentario