mércores, 1 de abril de 2020

O caldo de pedriñas

Un cazador andou todo o día no monte, chegando a noite, decatouse de que estaba perdido e morto de fame. Xa pensaba non topar onde se acubillar cando viu unha casa lonxe. Petou na porta e saíu unha vella á que o home lle pediu poUsada.

     -¡Ai, señor! -dixo a vella-. Sómoslle moi pobriños e non lle podemos dar do que non temos.

     -Pero, ¿casa cuberta si que poderán darma?

     -¡Pase, daquela, inda que lle somos soíños!

     A carón da lareira quentábase un velliño e díxolle a muller:

     -Este home quería comer algunha cousa e xa lle dixen que non tiñamos que somos moi pobriños.

     -Pagaría o que fose -retrucou o cazador.

     -Non lle temos, señor, non lle temos cousa -atallou a vella.

     Calou o cazador e saíu para a eira e, ao pouco, entrou de novo cunha  presa de pedriñas grandes coma noces e dixo:

     -Agua si terán....

     -Canta quixer -respodeulla a patronciña.

     Daquela foise o cazador, pillou unha canada de auga e púxose a lavar nas pedriñas coma quen fai un labor de moito coidado e, ao que rematou, engadeu:

     -¿E logo, non terán por aí un cazoliño?

     A vella foi pillar un e deullo. El encheuno de auga, botoulle as pedriñas dentro, e achegouno o lume.

     -¿E daquela? -preguntou a vella.

     -¿E non terán unha migalliña de unto, mais que sexa como unha castaña?

     Apareceu o cacho de unto ben máis grande cá castaña inda con non ser moita cousa, e foille facer compaña ás pedriñas.

     -Se agora tivera dúas pataquiñas e unhas verzas....

     O vello foinas procurar no hortelo e veu logo con elas. O cazador pillou unha media garfela e, revolvendo as pedriñas da súa ola, pediu unhas areíñas de sal e unha presiña de fabas. Despois pediu unha fabriña de cocho

     O caldo arrecenía que era unha gloria e, cando estivo cocido, pediu que lle desen un caroliño de boroa. Déronllo e daquela, foise, sacou o caldo nunha cunca, e esfrangullou nela a boroa e púxose como un bazunco e, cando rematou, preguntáronlle os vellos:

     -¡E logo, señor! ¿As pedriñas?

     -Gárdenas para outra vez -respondeulles o cazador.

     E  coa mesma deitouse a durmir moi ricamente no andamio, onde botara uns cotos de palla.

Ningún comentario:

Publicar un comentario