xoves, 2 de abril de 2020

Falar soñando

En unha casa das moitas en que vivian en Lisboa un fato de galegos cáseque todos do mesmo oficio, moraba un que entre os compañeiros, todos augadores, tiña a sona de refinado caloteiro.
Unha noite, ó chegar á casa, foise ó pé do leito dun compañeiro que xa estaba deitado e díxolle:
– Xan, ¿ti dormes ou estás esperto?
O outro, que era algo prosmeiro, respondeu:
– Estou acordado, ho, ¿por que?
– É que tiña que mercar unha roupiña que a que traio xa anda nos fios, e facíanme falla cinco pesiños. Se os tiveras a xeito pedíachos emprestados e para o mes que vén, así Deus me axude, como chos pagaba con xuros e todo.
O que estaba deitado calou. Canso de esperar o pedicheiro, dixo:
– Ti non me respondes, ho?...
– É que estou a dormir.
– Estás a dormir e estás falando?
– É que estou soñando.
– Soñando!... E ti que soñas, ho?
– Que chos empresto e que non mos pagas.
Dixo isto virouse para a parede e púxose a roncar como un cocho, mentras o outro quedou como un pasmón coa resposta.


Ningún comentario:

Publicar un comentario