xoves, 2 de abril de 2020

Como Xan escolleu o criado

Facíalle falla a un labrego un criado para as suas labouras e, como era home precavido, quixo primeiro tentealo ben ata topar un que fose ó seu xeito e para esta experéncia servíuse do pan de millo porque o facia na casa e era, para o caso, o mais doado.
Tomou un mozo e no primeiro dia deulle a comer un pan moi duro, que non habia demos que o rillasen. Ó criado pareceulle mezquiño o trato e salaiouse ó amo, que non lle fixo caso, e o mozo foise.
Veu outro e, no lugar do pan duro, deullo inda medio cru, que se espapolaba na boca e, como non lle agradou aquela mantenza, fóiselle tamén.
Para o lugar deste meteu un outro e deulle o pan medio apodrecido e, como viu que lle non daban doutro, tamén non quedou.
Nisto veulle outro mozo rexo e lanzal, moi sofrido para o traballo e o amo, ao traerlle a comida, díxolle:
–Mozo, hoxe o pan estache algo duro.
–Meu amo, a pan duro dente agudo, e comeuno.
Ó outro dia, díxolle:
–O pan hoxe non se coceu ben e estache algo mol.
–Mesmo así mol ha de ir para o fol, meu amo.
Vai e noutro dia deulle o pan con un saibo ó podrido que mal se podia tragar. 
–Mozo, o pan hoxe estache algo podre.
–Pacencia, mesmo podre ha de ir para o odre e comeullo.
–Así quero eu os homes: que coman do que hai.
E dende aquel dia tratouno ben porque lle era moi traballador e nada nifroso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario