Nunha tarde frieira, de nubes atorboadas, subía polo camiño aldeán, pedregullento e empinado un home de xa boa edade, mais ben desempeñado de corpo, mundano nos xeitos, e afagadeiro no trato, e ó chegar a un portal de casa farta na aparencia, topouse cun vello labrador que arrimado á ombreira aproveitaba as derradeiras raiolas do sol que se puña no horizonte. Como aparentaba ser home de trato e de aire amigalleiro, o camiñante achegouse a el e con modos moi doados pediulle pousada por aquela noite porque non se afoutaba a pasar o monte nunha noite de trebóns como parece que viria. Parolaron un pouco e o vello mandouno entrar.
No serán, asentados ambos encol dun vello banco, leriando ó amor dun lume faiscante, reparou o viaxeiro nun cañoto de ameneiro arrincado pola raíz e tirado para un canto como cousa sen valor. O viaxeiro foi e preguntoulle ó seu hospedeiro se lle queria vender aquel pau.
–E vostede para que quere ese trambollo?
–Pra facer un santo.
–Vostede di iso para facer bulra de min, nonsi?
–Non é, non señor, eu non fago burla dos que me acobexan debaixo do seu teito. Se mo quere deixar en precio e se me deixa traballar ahí fóra no seu alpendre, verá que santiño mais xeitoso e belido eu fago del.
–Pois trato feito: non llo vendo, dóollo e tamén quero ver o que vai saírdiso.
Cando amañeceu, o viaxeiro arrastrou o cañoto para o alpendre e despois de preguntar como se chamaba o santo patrón da freguesia, que soubo ser san Breixo a golpes de machada primeiro, e despois de gubia, e desbasta aquí e axeita aló, fixo un san Breixiño tan ben doado que mesmo daba xenio velo.
Espallouse a nova pola aldeia, e primeiro a medo, e despois en murmurio, foi unha acabada romaria para ver a laboura do viaxeiro. Para ser unha procesión non lle faltou nin siquera o señor abade, e sen se saber por onde apareceu a idea de lle mercar o santiño ó imaxineiro, para o pór no altar da eirexa parroquial.
Pechado o trato aproveitaron o dia do santo para as cerimonias da bendizón e fixéronlle ó seu abenzoado patrón unhas festas moi sonadas que trouxeron á freiguesia xentes de toda a bisbarra, que co gallo da devoción se viñan divertir moi doadamente.
Ó anoitecer tamén o vello pousadeiro foi matar a curiosidade e cando chegou á eirexa e viu a devozón con que se afincaban os romeiros diante do santiño ainda novo en folla, púxose a matinar na tolerias deste mundo e moi para dentro de si, para que ninguéno ouvise, pero ben de cara ó santo, espetoulle, esta cantiga:
Santo san Breixo de Barro
feito de pau de ameneiro,
irmán das miñas tamancas,
criado no meu lameiro.
Para que te puxeron aquí?
Os miragres que ti fagas
que che mos chanten aquí!
E apuntaba co furabolos para a testa, mentres abaneaba coa cabeza, en sinal do pouco creto que lle daba á virtude do santo que andivera tirado na súa pousada.