mércores, 1 de abril de 2020

O pobre dalle unha lección ao rico

Contabame meu pai que había un home en Noia moi rico.  Un domingo de feira doulle por levar á feira un par de bois que eran a admiración da xente. Polo camiño atopou a un pobre  moi coñecido del e díxolle:

-E que fas aí, Manuel?
-Pois xa ves –dixo Manuel- esperando a que alguén me dea algo para ir vivindo.

E mirando para os bois dixo:

-O que daría eu por ter un par de bois coma eses!

Mentres falaban, os bois cagaron cadansúa bosteira, e entón di Xosé o dono dos bois:

-Pois se lle come-la bosta, son teus os bois
-Palabra de home, Xosé –dixo Manuel
-Palabra de home, Manuel.

Agachouse o pobre Manuel e puxose a comer na bosta. Tan pronto veu Xosé que comía en menos de nada, empezou a darlle voltas á boina e a sudar.

-Que tes, que che pasa?
-Nada, nada –contesta Xosé

Pero Manuel, coñecedor do mundo, díxolle:

-Non hai nada perdido.  Comes ti a outra bosteira e os bois volven ser teus.
-Palabra de home, Manuel? –dixo Xosé.
-Palabra de home, Xosé! –dixo Manuel

Agachouse Xosé e púxose a comer na bosta
Entón di Manuel:

-Hai que ver canta merda comemos para non gañar nada

A tallada mais grande

Había un home na aldea que se adicaba ao xornal, andaba para el, para os veciños e para todos; pagábanlle algo e máis dábanlle comida.  El era moi fachendoso, era un home moi comedor…tiña unhas características moi peculiares, era moi chistoso tamén.
E vai que un día foi traballar para unha muller e chega a hora da comida e ela fritiulle unhas xoubas.  El púxose comer e comeu as máis grandiñas.

Resulta que vén a muller e dille:

-Home, ben se nota que non tes pai! Ben se nota que non tiveches pai!
-E logo, porque o di?
-Home, porque comiches os peixes grandes e deixaches os pequenos.
-E logo vostede cales comería?
-Home, eu comería os pequenos!
-Poia aí os ten –di el todo cheo de razón.

O home que sempre chegaba borracho

Era un matrimonio, ela chamabase María e el Brais.  Brais érache un home moi bo pero tiña unha tacha, que os sábados, cando cobraba, chegaba á casa e veña lío.  Levantaba á muller da cama, pegáballe, levantaba aos fillos, e… Porque bebía, viña borracho pingando.

Resulta cas viciñas xa todas dicían:

-Ai, xa está!  Hai festa na casa do Cachón

A muller de Brais o Cachón, a pobre, ó único que facía era dicir:

-Ai, meu Deus! Virxe santísima! Válganme as once mil virxes!

E o outro mentres lle zoscaba contestáballe:

-Anda, anda que che van valer!

Despóis, cando chegaba o outro día o home arrepentíase de todo o que fixera, pero xa non había remedio.

E as viciñas dicíanlle:

-María, e porque non ves o sábado?... Xa sabes o que pasa.  Por que non ves para a nosa casa?
-Ai! Porque se vou, levántache aos nenos e fai lío. Vai andar casa por casa a chamar, a ver onde estou.  Entón é mellor que me deiche estar na casa.

E dille unha:

-De acordo, mira, e se nos xuntaramos todas un sábado e nos meteramos  na cociña?. Ti, cando chames, en vez de chamar polas once mil virxes, como chamas sempre, chamas ás once virxes, nos entramos e dámoslle unha somanta.

-E dará resultado -dixo ela.

-Por inténtalo que non sexa

Colleron o sábado as amigas todas, as once e foron para a cociña e botaron cadansúa saba por enriba da cabeza. Cando el chegou e fixo o lío, ela en vez de dicir:  “Valanme as once mil virxes”, dixo :  “Ai, válanme as once virxes!”

Veñen todas e danlle unha malleira ao homiño co deixaron mazadiño de todo. Foise para a cama e Santo Remedio! Durmiu toda a noite dun tirón.  
Ao outro día dille a muller ás compañeiras:

-Ai, meu Deus! O malo vai ser cando esperte! Que sabe Deus! De borracho xa sabe como é, pero cando esperte e vexa a malleira que se lle dou….Como vai reacionar!

Namentres, el dormía, e xa deran as doce de mañá. Ela ía de cando en vez e abría un pouquiño a porta, botaba unha ollada para dentro, a ver se estaba durmindo. As amigas falabanlle dende alá:

-Inda?
-Inda está durmido.

Nunha destas que foi mirar, o home esperta e dille:

-Miña muller!
-Ah, agora xa a fixemos!
-Ven aquí que che quero da-las grazas
-E por que?
-Quéroche da-las grazas, miña muller, porque menos mal que onte á noite dóuseche por chamar ás once virxes, que se chamas como sempre ás once mil, non queda anaquiño de min

O Tío Manuel e a tía Xoana

O tío Manuel quería saber se a súa muller choraría por el cando morrese.  E despois de poñerse de acordo cos seus compañeiros fíxose o morto.

A tía Xoana, que así se chamaba a dona, chorou os sete chorares mentres dicía:

-Adiós, meu Manuel! Adiós meu Manueliño! Eu tamén quero morrer farasme aló un sitio

Os compadres do tío Manuel que o levaban nunha angarella camiño do cemiterio, ao ver que estaban chegando, pararon embaixo dun carballo.  O tío Manuel agarrouse dos gallos do carballo e voltou todo ledo para a casa ó ver cá súa muller chorara moito por el.

O cabo dun ano, o Tío Manuel morreu de verdade e a Tía Xoana voltou chorar os sete chorares, mais cando veu que estaban chegando ao cementerio berrou máis forte dicindo:

-Apartade do carballo, non sexa o conto do ano pasado!

O cego e o sacristán

 Por aquel entón na feira de Pontevedra había uns cegos que co seu violín e coa axuda dun cabalete como de pintura onde colgaban imaxes contaban historias.  Un rapaz que os acompañaba íalles pasando as páxinas e eles namentres contaban e contaban unha chea de historias.

Había unha vez un cego que andaba polas feiras, o pobre, e así gañandose un pesiño, que daquela un peso eran moitos cartos. Levaba a bolsa do diñeiro consigo entre a roupaxe, mais pensou que aquilo era perigoso que calqueira día lle poderían roubar. Así que decidiu agochar a bolsa cos cinco pesos nun burato dun muro que tapou  cunha pedra.  Enfronte daquel muro había un escribán que o pobre tiña moi pouquiño traballo, andaba a dúas velas; e como pouco tiña que facer púxose na ventá e mira como o cego mete aquilo no muro.  Cando o cego marchou, foi pola noite ao muro e rebuscando pola parede atopa o burato e os cinco pesos.

-Caramba para o cego! Ten cinco pesos!

Colleu o escribán e rouboullos deixando no burato a bolsa.  Ao día seguinte o cego volveu a onde agochara os cartos, e conforme mete a man e non atopa os cartos, di:

-Iso non foi ninguén máis co escribán que está enfronte, seguramente que me mirou e veunos coller.

O cego foise para a porta do escribán e como se non soubese nada do que pasara, púxoselle a tocar o violín.

Teño cinco pesos nunha buratela
E teño outros cinco para meter nela,
E teño outros cinco para meter nela.

Entón o escribán pensou que se ía meter os outros cinco pesos e non atopaba os que agochara, xa non os metería.  Así que á noite, achegouse ao muro e volveu meter os cartos onde os agochara o cego.

O outro día, ben cediño pola mañá, o cego foi diante da porta do escribán e cantoulle:

Señor escribán
vostede ben o entende,
o que todo quere,
todo perde.


A raposa e o caranguexo

As raposas cando tiñan pulgas baixaban á praia, collían un papel, poñíano na boca e ían entrando na auga.  As pulgas íanlle subindo para arriba mentres ela se metía aos poucos na auga.  Chegaban ao papel e xuntábanse todas alí. Entón él, fechaba o papel, afogábaas e así quedaba sen elas.

E un día, facendo esta operación, un caranguexo picoulle nos melindríns.

Entón saiu para fóra e di ela:

-Mecachis  na mar! Quen sería o que me trabou?
-Sal para fóra, picador dos collóns, que aquí medimos forzas.

Nesto o caranguexo sóltase das súas partes e sae para fóra.
Cando o ve, di a raposa:

-E ti foches o que me picaches?
-Si, fun eu.
-Un patarrastro coma ti, e venme facer dano a mín!
-Pois sí, fun eu o que che mordín.  Pero aquí onde me miras eu corro mais ca ti.

A raposa bótase rir e dille ao caranguexo:

-Ti proba e xa verás, poñémonos os dous a correr e vamos ver quen gana.

Prepararonse os dous para empezar a carreira e cando a raposa se botou a correr o caranguexo púxose detrás e enganchouselle ao rabo.  O raposo ía corre que te corre e cando levaba unha camiñada moi grande, vírase mirando contra a saída e chía:

-Patarrastro, eu xa estou aquí!

O outro sóltaselle do rabo, que que estaba para o outro lado e dille:

-E eu diante de ti
-Pois imos outra vez!
-Pois veña!

E de novo a raposa volveu correr e o caranguexo a agarrarse á súa cola. A raposa corre que te vai, corre, corre… ía a pobre coa lingua fóra:
-Non creo que desta vez me gañase

Vírase ao tempo co caranguexo se solta e di:

-Patarrastro eu xa estou aquí

E o caranguexo contesta:

-E eu diante de ti

Por fin  a raposa deuse por vencida  e como premio o caranguexo pídelle co leve de volta no seu lombo á praia. Xa vedes como ás veces vale máis inxenio que forza

O boi e o burro

Era una vez un home que tiña dous bois e máis un burro, pero como daquela seica os animais falaban o burro díxolle a un boi:

-Pero como vés tan abatido, ho. Di que estás coxo e así non te levarán a traballar.
-Mais tes razón.

E pola mañá o boi fíxose o coxo. O críado daquel home cando viu ao boi de tal xeito chamou polo amo:

-Amo!  Un boi está coxo!
-Pois trae ao burro!

Dixo o burro:

-Mecachis en dez! Non se lle pode facer ben a ninguén.  E aló foi o burro e mailo outro boi.  Estiveron todo o día turra polo carro para aquí, arrastra polo arado para aló…

Chegou a noite e o burro non podía co corpo e cando chegou á corte dille o boi que fixera o coxo:

-Mira, ho!  Pola miña conta mira  como te ves
-Iso non é nada, o peor é unha cousa que lle dixo o amo ao críado.
-E que lle dixo?
-Díxolle que se mañá pola mañá o boi estaba coxo, mandaríao para carnizaría

Pasou a noite e a mañá seguinte cando o críado entrou na corte o boi saltaba.