mércores, 1 de abril de 2020

Un burro e un mosquito

    Ía un burro por un camiño abaixo e atopou a un mosquito ao que lle pisou un á. Entón o mosquito cabreouse e dixo:

-Eh, burro! Mira que te vou bater

E o burro contestoulle:

-Ti? Que vas baterme ti a min?

-Ai non? Se queres pelexamos e amosoxo

-Hoxe non, pero se queres quedamos mañá

E así foi, ao día seguinte puxéronse de acordo e alá foron o camino aquel a pelexar.  Pero nisto o mosquito de véspera alá avisou ós seus compañeiros:  as abellas, os avesouros, os abellóns,
as moscas e moitos outros insectos para que fosen axudar.  E o burro pois foi tamén onde as eguas e os cabalos e díxolles:

-Mirade que mañá vou pelexar co mosquito, víndeme axudar

Efectivamente chegan alí, á notiña e entón as abellas, os abesouros, os Abellóns… estaban agochados nas polas dos carballos, todos caladiños e vai o mosquito e di:

-Que, pelexamos ou non?

E dille o burro:
-Pois xa está.  Vide meus compañeiros!

Entón aparecen os cabalos, as eguas, as mulas… e  veña a quererlle dar patadas ó mosquito, pero o mosquito fuxía

E dixo o mosquito:

-Meus compañeiros, vide pelexar co burro.

  Empezan a baixar mosquitos, moscas, moscardóns… e todo e máis a picarlle nos ollos, no fuciño, no cú e en todo.

E aí vai o burro a fume de carozo e non parou xunto cos seus conxéneres ata chegar á casa

As tres verdades

 Para pasa-los ríos, en tempos non había pontes como hai agora.  Había uns poios, e cando o río ía baixo, saltábase de pedriña en pedriña para pasar dunha banda a outra.  

      Tamén había uns barqueiros que te pasaban cunhas barquiñas de remos; estes homes tiñan a casa á beira do río e cando o río ía moi cheo tiraban dun cable ao que o barco ía enganchado. Estes homes cobraban polo seu traballo.

       Unha vez chegou un home que quería pasar pero non levaba cartos. Entón dixo:

-Mira, barqueiro, pásasme ao outro lado do río?
-Sí, pásote!, pero hai que pagar.
-Non.  É que non teño cartos
-E que se non tes cartos eu non te paso.
-Se me pasas cóntoche as tres verdades máis grandes do mundo.
-Vale.
Entra na barca o pasaxeiro e dille ao barqueiro:
-A ver, e a primeira verdade?
-Nunca choveu para non escampar
Quedou pensando o barqueiro.
-Mais tes razón, é una boa verdade.

Seguiron remando e niso que chegan á metade do río.
-Veña, outra verdade máis?
-Nunca escampou para non chover
-Tamén é verdade

Seguiu remando e ao chegar ao outro lado dille o barqueiro:
-E a última verdade?
-A última é que se a todos os  pasas como a min, home máis burro nunca cho vin.

As saídas do parvo de Oitavén

Houbo na parroquia de Oitavén un parvo que se tiña moito de tolo mais inda tiña mais de prosmeiro.  As súas manías fixéronse proverbiás: enterro que houbese nas parroquias dos arredores, como naquel tempo había fartas comedelas, alá ía o bo do parvo prás aproveitar e cando sentía toca-las campas a defunto en duas parroquias da veciñanza no mesmo día salaiábase tristeiro:

-Paciencia, non cadran todos a xeito!

Entre os cregos tiña moito partido e sempre andaba atrás deles.  Un día andaban uns poucos a cazar e el apareceu, puxérono nun camiño para lle berrar aos coellos por se fuxían por alí e ao pouco un dos cregos chialle:

-Torna, Xan, que velo aí vai!

Mais o coello pasou coma alma que leva o demo, e o crego que estaba mais perto del alpurnouno:

-Non sei que demos fas aí que o deixache fuxir!

-Sí, home, sí; eles xa son bravos e vos inda lle botade-los cans!

Xantar de cregos que houbese no preceito, ou nos días de festa era cousa que non perdía.

Un día, na festa do santo patrón dunha parroquia dos arredores, estando na reitoria moitos cregos xuntos, quixérono meter nun apuro e un deles preguntoulle:

-Xan, ti agora tes que nos dicir cal de nós todos é o millor. Vai, quén é?

O parvo que non se quería por a mal con ningún respondeu:

-Boh, boh, señor abade, en gando ruín non lle hai onde escoller.

E amoado foise sentar nun canto

A ra e o sapo

Estando a rá
sentada nun seixo,
veu o sapo
e deulle un beixo.

Dixo a rá:
-Preñada me quedo
Dixo o sapo:
-Si, por certo,
dun gran cabaleiro
corto de perna
e ancho de espalda
e noutro tempo
bo tirador de barra.

Os seminaristas e os rapaces

Dous curas que viñan do seminario onde estudaban a eito ian cara a súa vila e no camiño toparon cun rapaz.  Un dille ao outro:

-Mira un rapaz cun rebaño de ovellas. Le vamos a tomar el pelo

-Deixate, orates frates con rapaces nunca trates.

-Bah… Rapaz!

-Diga!

-Como te llamas?

-Non me chamo, que me chaman

O seminarista mais prudente tentaba que o seu compañeiro deixase a brincadela:

-Vaiche saír mal, deixao xa!

Mais o outro seguía dalle que te pego:

-¿De quien son esas ovejas?

-Pois doutras mais vellas

-¿Cuantos años tienes?

-Años ningún, ovellas

-¿A dónde va esta carretera, neno?

-A ningures que está quieta.

O outro seminarista que permanecía calado e xa avisara ao brincadeiro de non meterse en camisas de once varas dalle un golpe na cachola ao outro para que o deixase e nin por esas.

-¿Bueno a los niños de tu pueblo tan sinvergüenzas como tu que les hacen?

-Pois mándannos ao colexio a aprender a escribir as letras e os números e logo mándannos ao seminario e logo saen cregos.

O home do brurro e os portugueses

Este era un señor que tiña un burro somente, e marchóuse con el polo mundo pra facer fortuna. Foi a Portugal, onde non coñecían os burros. Preguntáronlle pra qué era aquel animal, i el díxolles que era pra cazar lobos, que había moitos por alí. Trataron de comprarllo, e déronlle por el un saco cheo de ouro. Pra cazar os lobos, tiñan que atalo a unha estaca no monte, e deixalo alí toda a noite. Fixérono así a primeira noite, e, ao chegar unha manada de lobos, o probe do burro comenzóu a tirar, arrancóu a estaca, botóu a correr, e metéuse nunha capela que había alí cerca. Os lobos tamén se meteron tras del, pro el, aos velos dentro, botóuse fora correndo, e, como levaba a estaca colgada, enganchóu a porta con ela e cerróuna tras de sí, deixando aos lobos pechados dentro. Cando os portugueses foron á mañá cediño ver o estropicio que fixera o burro cos lobos, encontrárono á porta da capilla e dentro unha manada de lobos que poñía medo, e dixeron:
     

-¡Animalíño de Deus! ¡Non puido matalos e pechóunos na capela!

Os castiñeiros de Mingos de abaixo

Hai non moito, nunha aldea, un home que de súpeto enfermou; así que chamaron ao doutor que lle dou un xarope, mais el seguía peor.  A tanto que, ao día seguinte, deulle un ataque e pensaron todos que morrera, e craro, prepararon o enterro. Pero naqueles tempos as caixas dos mortos non eran coma as de hoxe, que estaban destapadas por riba.
E para ir para o cemiterio tiñan que pasar por un souto de castiñeiros que se chamaban os castiñeiros de Mingos de Abaixo. 
Ao pasar o morto por alí volveu o morto en si, pero non podía falar e decatándose do que lle ían facer colgouse da pola dun dos castiñeiros. Os que o levaban e mais a súa muller ao ver aquilo non foron defuntos eles mesmos porque Deus non quixo.
Pero ao fin, un ano despois, o home morreu de verdade e cando ían con él, a muller choraba moito por el, e decía: 
- ¡Ai, ai, ai, meu homiño querido! ¡Ai, ai, ai, que non había outro no mundo enteiro coma el! ¡Ai, ai, ai, cánto eu lle quería! ¡Ai, ai, ai, por Dios lle pido que non vaian..., por Dios lles pido que non vaian por baixo dos castiñeiros do tío Mingos de Abaixo!.