xoves, 2 de abril de 2020

Cento por un

Nun lugar apartado dunha freguesia da montaña, arredado do centro por soutos e fragas cortados por unha corredoira cativa e mal coidada, vivía un home que os veciños tiñan por algo toleirón, inda que non botase ren a perder. No día da festa do santo patrón que era tido por moi miragreiro e para o que as xentes de toda a bisbarra tiñan grande devozón, devozón que se traducía en doacións que engordaban as riquezas do abade tódolos anos. Foi o home á misa e cadrou a chegar cando pregaba o crego da freguesía, que era moi xeitoso para esas cousas. Con xestos e acenos espectaculares e con verbas agarimosas comezou a dramatizar a vida do divino santo e as suas cualidades protectoras para aqueles que lle eran devotos e fieles; gaboulles a xenerosidade para con tan outo protector na certeza que o santo lle pagaría a todos con ganancia, e de cando en cando, facéndose todo mel, con voz agarimosa e convencedeira estrebillaba:
– Ofrecedevos ó santiño de todo o corazón, que el, que é agradecido havos de pagar o que lle deades con cento por un!
Volvia a machicar: 
–“Quen dá o seu a quen o entende, non o dá que ben o vende” 
E á volta de moitos arrodeos, levando sempre a brasa para a sua sardiña repetía:
– O santo devolveravos cento por un!

Os presentes caían que era unha bendizón de Deus: lacóns; galiñas, polos e ovos; cabritos e carneiros, que non habia mans a medir.

O tolo que estaba nun curruncho a ouvir a pregazón púxose a matinar o que ouvía e a pensar en ofrendarlle ó santo un carneiro moi bo e moi ben coidado que tiña.  E se o santiño lle dese, como decia o señor abade, cento por un, entón polas suas contas ficariaben remediado.

Meu dito, meu feito. Foise ó eido e trouxo o carneiro ,que como o trataba moi ben andaba atrás del coma un can. Deullelo ós encarregados de recebe-las doacións e tornou para sua casiña  cos ollos arrasados de bágoas, pois o que era quererlle ó seu carneiriño, queríalle.
Ó segundo dia era véspera da feira da vila e pouco antes do anoitecer, cando estaba pensando no seu rico carneiriño, viuno entrar pola eira adentro con outros cinco mais, todos brancos, gordos e lucidos que daba xenio velos. Fincouse o home de xionllos no chan cara ó sol que se puña e agradeceulle ó santiño adourado o miragre que comezaba a facer mandándolle cinco carneiros por conta dos cen.
Ó outro dia, como non era lacazán, antes de nace-lo sol, foise camiño da feira e vendeu os cinco carneiros da ganancia. Tornou para a casa e foille levar ó señor abade o carneiro que lle dera ó santo, porque iso de comprido el érao tanto como o mellor.
Preguntoulle ao crego polos outros que lle faltaban e el, moi simplorio, respondeu:
Vendinos, señor abade.
- ¿Como? Entón ti vendeches o que non era teu, señor senvergonza? Pobre de ti, cara che vai custar a festa...
¿Non eran meus por que, señor? Vostede, inda hai tres días,
á vista de moitos centos de persoas que o estaban a ouvir, non dixo que se lle dese limosna ó santo que el nos daría cento por un? Pois velahí está. Eu dinlle un carneiro, que é este que lle traigo aquí, e el xa me mandou cinco, mais .
Inda me debe noventa e cinco que mos ha de ir mandando ós poucos, e senón veremos!
O crego viu a cuqueza do toleirón e pra non facer escándalo doulle un par de labaadas e fíxoo levar o carneiro que lle trouxera, porque se non eran capaces de ir mesmo os cento por un.

O coello

Un probe, de caxado na man, subía por un monte adiante, camiño de outra parroquia, onde ia a pedir esmola e viu acamado antre unha toxeira un coello gordo e lucido; marcouno ben, e con o caxado erguido púxose a botar as contas:
– Mato este coello e vou vendelo á vila por unha boa pesetiña, con ela merco sardiñas pra vender e como o que vende sardiñas come galiñas, hei de ter nelas boa ganancia que tornarei a empregar e cando teña ganado bastante merco un xatiño: heino de ir criando e despois de criado véndoo e merco dous pequenos que hei de criar e cando foren grandes poños ó carro, e cando vaia por unha costa arriba con que garbo lle hei de berrar:
– ¡Ei boi, ei!
Con o berro o coello asombrouse e dun pulo desapareceu polo medio do mato, mentres probe co caxado no aire, caia da burra abaixo.

A herdade da manta

Un pai, que era moi probe, cando morreu deixoulle ós seus tres fillos unha manta soa para se cobriren. Dormían os tres no mesmo leito e nas noites frieiras do inverno rifaban a cotío porque cada un puxaba pola manta para el.
O máis novo, que os outros dous tiñan como medio tolo, un día propuxo ós irmáns a venda da sua parte no herdo da manta con a condizón de o deixaren dormir entre os dous. Os outros, como se tiñan por mais agudos, non se decataron da malicia e mandárono facer o papel do trato e firmárono.
Despois eles, cada un turraba pola manta para o seu lado e o que parecía parvo ríase deles porque estaba sempre ben abrigado, e dicia: 
-“Coitadiño de quen vende que non tira nin estende”.

Se non pesco eu, pesca o compañeiro

Andaba un pastor co gando e dous ladróns pasaron por alí e quixeron roubarlle un carneiro que tiña, mais como o pastor non deixaba o gando, idearon unha maneira de o enganar pra llo levar.
A un lado do campo pasaba un regueiro que nese tempo ia seco porque era vran, e vai un dos ladróns agachouse atrás dun muro e o outro foise para o pé do regueiro e púxose a pescar. O pastor topoulle chiste ó caso e foise onda el e preguntoulle:
–Vostede que fai aí home? Non ve que o regueiro vai seco e non pode pescar nada?

–Boh... –dixo o ladrón– Sen non pesco eu, pesca o meu compañeiro.

Como o pastor non viu no campo mais ninguén, pareceulle un tolo e deixouno estar. Mentras tanto o outro ladrón fuxiu co carneiro,  e o pescador continuou polo regueiro abaixo, e marchouse co compañeiro.

O muiño no outo

Un vello púxose a facer un muiño, de moer con auga no alto dun monte. Pasou por alí un veciño e vendo a toleria que estaba a facer preguntoulle:
¿E-a-auga, ti onde has de ir buscala para o facer moer?
O vello douse conta da parvada mais non querendo dar o brazo a torcer contestoulle:
-Algunha cousa se ha de facer primeiro.

Un italiano, un francés e un galego.

Era unha vez  un italiano, un francés e un galego e fixeron unha aposta sobre quen tiña a mellor cousa na súa terra.

O italiano dixo que tiña un coche que se o botaba a 200 kms. por hora era quen de frear nunha liña que fixeran eles.  Fixeron a raia e non freou xusto.  Entón dixo o italiano:

-Cuarta máis, cuarta menos!

Logo tocoulle o turno ao francés que dixo ter un cabalo que botado ao gallope paraba de súpeto xunto á raia que fixeran eles.  Fixeron unha liña e o cabalo parou preto.  Entón o francés dixo:

-Cuarta máis, cuarta menos!

Tocoulle ao galego.  El dixo que no seu pobo vivía un home que comía polas orellas.  Foron ao pobo e viron que o home comía normal.  Miraron para o galego e este dixo:

-Cuarta máis, cuarta menos!

Os tres burros

Había unha vez un labrador arando nunha leira con dous burros.  Cadrou de pasar por alí un home que era veciño seu e díxolle se lle deixaba falar con un dos burros.  O labrador, un pouco estrañado, contestoulle que si.  E o veciño, que se chamaba Florindo, achegouse á orella dun dos dous burros.  Este colleu medo, dou un chimpo, rompeu o xugo e fuxiu correndo para a casa.

O labrador, cada vez máis extrañado, preguntoulle a Florindo que fora o que lle tiña dito ao burro para que saíra correndo daquel xeito.  Florindo, que era un pillabán, dixo que lle acababa de dar a noticia da norte da súa nai.

-Pois vaite de aí para a casa – dille o labrador a Florindo- e que non te escoite o outro porque sonche irmáns e, se o outro foxe tamén, quédame a leira sen arar.